Martín Seco propón un plan especial para mellorar a zona da Travesía de Arteixo e Candame
O grupo municipal socialista de Arteixo ven de presentar unha moción no Concello para propoñer a posta en marcha dun plan especial para dinamizar a zona da Travesía de Arteixo e Candame. O voceiro, Martín Seco, lembra que nestes derradeiro catro anos este espazo sufriu un aumento singnificativo da actividade comercial e tamén un incremento importante do número de habitantes que residen alí.
Con todo, os veciños da zona ten sinalado en moitas ocasións que os problemas do barrio non fan maís que medrar. Neste sentido os residentes falan de inseguridade cidadá pola pouca presenza policial, e mesmo lamentan a falla de accesibilidade e mobilidade, de iluminación e a inseguridade viaria.
Outro dos asuntos que preocupa aos veciños é a ausencia de equipamento, e critican a pouca preocupación do goberno local por levar a cabo actividade lúdica e festiva nesta zona do concello. Tamén, a falla dun parque infantil, a falla de beirarrúas e pasos de peóns na Avenida de Fisterra que poñen en perigo aos nenos que collen o bus escolar. Todo isto fai necesario que o goberno local leve a cabo un plan especial para a mellora desta zona do concello tan desatendida e que ten tantas posibilidades.
Polo tanto, son moitas as queixas que os veciños e comerciantes da zona levan intentando facerlle chegar ao grupo de goberno do PP sen moito éxito, posto que a inversión municipal nesta zona de Arteixo é nula, e nin tan sequera levan a cabo medidas de apoio ao comercio e ao desenrolo social deste barrio por moito que os residentes o poñan de manifesto.