top of page

O PSOE esixe a tramitación do traslado das torretas de Sol y Mar e pídelle a Calvelo que non engane

O grupo municipal do PSOE de Arteixo, reunido recentemente con representantes da Asociación de Veciños San Tirso de Oseiro, fíxose eco das súas demandas e as súas queixas, e non quixo deixar caer no esquecemento o problema das liñas de alta tensión na urbanización Sol y Mar, un asunto no que o alcalde Carlos Calvelo mentiu aos propios residentes.

O candidato e portavoz socialista, Martín Seco, lembrou que o rexedor enganou aos veciños cando estes quixeron impedir que se cambiasen as torretas e aseguroulles entón que comezaría a tramitar o traslado das mesmas, algo que parece que empezou a esquecer unha vez que as cambiou, o que provocou bastante malestar entre os afectados.

Así mesmo, durante o encontro coa entidade veciñal, os socialistas constataron que o goberno local do PP rehúsa colaborar coas asociacións de veciños que lle resultan contestatarias como é o caso de Oseiro, que levan reclamando, desde que comezase o mandato de Calvelo a mediados de 2011, a posibilidade de utilizar ben un local, ou ben o centro social de Froxel para a súa actividade, solicitude que se cursou sempre sen éxito.

02-reunion-avv-san-tirso-oseiro-04-03-15.jpg

Por outra banda, Martín Seco fixo fincapé noutras demandas dos cidadáns de Oseiro, que lamentan que non se executaron as obras prometidas durante todo o mandato do PP. Neste sentido, puxeron o exemplo da Fonte de Abade, a Rúa da Viña, as beirarrúas na travesía de Oseiro ou a mellora da seguridade viaria nesta estrada.

O PSOE lembra que, cando gobernaban tanto na Xunta como no Concello de Arteixo, propúxose executar unha obra de moitos millóns neste viario, que foi paralizada por reclamacións veciñais, mentres que agora trátase de pasar toda a carga á administración municipal, para que se faga ela soa cargo dun custo elevadísimo para as arcas arteixanas.

Por último, Martín Seco volve denunciar, tras falar cos veciños, a eliminación da zona de aparcadoiro na obra do barrio de Laradas (Vilarrodís), sen que se establezan zonas verdes e coa supresión da rampla de acceso para minusválidos e carriños na zona que viña desde o camiño polo que se accede desde Oseiro.


No hay tags aún.
bottom of page