top of page

Martín Seco asina ante notario os 15 compromisos básicos que levará a cabo se goberna Arteixo


O PSOE de Arteixo deu un paso máis na súa aposta pola transparencia e os compromisos cos cidadáns ao asinar, ante notario, unha serie de puntos que consideran básicos cara á xestión do municipio durante o próximos catro anos.

O candidato á alcaldía, Martín Seco, foi o encargado de selar este pacto coa cidadanía na notaría de Luís Gómez Varela, nun acto que contou coa presenza de varios membros da lista do PSOE arteixán.

Tras a rúbrica, Martín Seco explicou que se trata de quince compromisos ineludibles nos que baseará a súa política no caso de que os cidadáns así o consideren e que defenderá como condición imprescindible se tivese que chegar a acordos con outras forzas.

Ademais, con esta sinatura, o candidato socialista, en caso de non cumprir, non se presentaría de novo ás eleccións.

A continuación, o documento íntegro do que asinouse ante notario na mañá do 6 de maio.

Don Martín Seco García con NIF 33.336.132-R e domicilio en Travesía de Arteixo 112 2º D de Arteixo, candidato á alcaldía polo PSdG-PSOE de Arteixo, comprométese, no caso de obter unha maioría suficiente para poder desenrolar o seu programa, a cumprir e levar a cabo durante o seu mandato as medidas dos puntos que se indican a continuación, e no caso de non facelo, se obriga a non presentarse as próximas eleccións:

1.- Un concello aberto ao pobo. O noso concello obtén só 18 puntos de 142 posibles no índice DYNTRA de transparencia, para corrixilo elaboraremos unha nova Ordenanza de Transparencia Municipal ata obter un índice dos máis altos do noso país, publicando presupostos, proxectos, actas, convenios, actas, retribucións, datos dos representantes públicos, etc... Crearemos tamén unha nova web municipal e aplicacións móbiles para adaptar o concello á realidade social actual, cun Foro Municipal para que a cidadanía opine sobre os proxectos, obras e inversións, un Buzón Municipal, para contactar co concello e obter resposta directa (avisos de desperfectos e avarías, preguntas ao alcalde e concelleiros/as, ...), un Portal de Transparencia onde veña recollida a información e documentación municipal, que incluirá tamén a posibilidade de pedir cita co alcalde e concelleiros/as.Ademais:

  • A cidadanía poderá participar directamente na asignación dunha porcentaxe do presuposto municipal.

  • Limitaremos o mandato do noso alcalde a oito anos.

  • Publicaremos a axenda xeral do alcalde.

  • Abriremos o rexistro municipal polas tardes.

  • Poñeremos en marcha unha sede administrativa na zona norte.

  • Realizaremos consultas sobre cuestións importantes.

  • Reformaremos e revitalizaremos o sistema de Consellos veciñais.

  • Instalaremos taboleiros informativos en tódalas parroquias.

  • Reduciremos significativamente o número de asesores e dedicacións exclusivas, así como as dietas dos concelleiros de goberno.

2. Nova radio e boletín Municipais. O goberno do PP cesou as emisións de Radio Arteixo e nós recuperarémolas con máis e mellor programación, plural, garantindo o dereito á información e á participación a veciños e grupos políticos e sociais. Tamén volveremos a editar o antigo Boletín Municipal de información ao cidadán.

3.- Os Plenos, para os veciños. O actual horario dos plenos (9 da mañá) non permite acudir aos veciños que, noutro horario, si poderían facelo. Ademais, cremos que os cidadáns deberían ter a posibilidade de intervir. Por iso, comprometémonos a celebrar os plenos ordinarios ás 20:00, a habilitar neles a participación veciñal (Concelleiro 22), a retransmitilos pola web (canal YouTube) e pola radio municipal e faremos públicas as ordes do día e actas.

4.- Redución Índice de Pobreza. Asinaremos os compromisos da Rede galega contra a pobreza, cunha reforma dos criterios do funcionamento dos Servizos Sociais, a creación dun sistema de comedor para a xente en risco de exclusión, a aposta por unha cociña centralizada no novo Centro de Formación, para escolares, maiores da Baiuca, e a domicilio. Poñeremos en marcha unha Oficina Municipal da Vivenda, que traballe contra os desafiuzamentos exercendo a mediación e a adquisición de vivendas públicas municipais. Recuperaremos o Arteixo Solidario no concepto máis amplo da celebración e colaboración coas ONG´s cun 0,2% do presuposto, introduciremos cláusulas sociais na contratación pública e mecanismos de transparencia na xestión do departamento, informes, audiencia coas persoas usuarias, mellor publicidade dos recursos, diminución da burocracia e facilidade na xestión.

5.- Redución do Desemprego. Aumentaremos a taxa de ocupación do noso concello, con medidas como a creación da Axencia Local de Emprego, que dinamice o noso tecido económico, cun sistema novo de Orientación Laboral e Asesoramento a empresas e autónomos, unha mellora nos cursos de formación ocupacional, a creación dun viveiro de novas empresas locais, un sistema de apoio a creadores e emprendedores, con beneficios fiscais e obtención de microcréditos, encargo dun estudio da actividade industrial e as posibilidades de desenvolvemento, a aposta polo co-working e as TIC´s, estudio sobre a futura posta en marcha dun Centro Tecnolóxico sobre o Deseño Téxtil, creación dunha nova Bolsa de Emprego e igualdade de oportunidades con sistemas de rotación no emprego local.

6.- Baixada de taxas e impostos. Arteixo conta cun elevado número de parados e persoas en risco de exclusión social e existen tamén moitos cidadáns con nóminas reducidas que sofren para poder manter ás súas familias. Nun concello con superávit, pódese (e débese) reducir a presión fiscal que soportan os nosos cidadáns, adecuando as taxas e impostos municipais aos seus ingresos. Polo que nos comprometemos a baixar a presión fiscal do noso municipio. Ademais, é preciso habilitar novas bonificacións e fórmulas para pago fraccionado .

7.-Plan de autonomía persoal e eliminación de barreiras. Co gallo de asegurar a plena inclusión social das persoas con calquera tipo de discapacidade, elaboraremos un Plan de apoio aos discapacitados, que incluirá a promoción de emprego para este colectivo, medidas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e o fomento da mobilidade coa posta en marcha dunha liña de axudas neste ámbito.

8. Plan de seguridade cidadá e viaria e fomento da mobilidade (pedibus). Negociaremos coa administración central a devolución das competencias dos controis de tráfico, poñeremos en marcha a policía de barrio e abriremos unha comisaría na zona norte do Concello, coa intención de aumentar a seguridade dos veciños e comerciantes. Crearemos novas sendas peonís nas parroquias e iniciaremos un servizo de pedibus escolar (acompañamento a pé dos nenos ao colexio). Desenvolveremos un ambicioso plan para a seguridade do viandante, con especial incidencia nos pasos de peóns e na creación de prazas de aparcamento.

9. Apoio ao comercio, fomento do turismo e construción dun espazo multiusos. Apoiaremos ao comercio e á hostalaría cun servizo de asesoramento, subvencións, cun sistema de obtención de microcréditos e, por suposto, melloras na iluminación, beirarrúas e mobiliario urbano. Construiremos un espazo multiusos para eventos, feiras, actividades culturais e deportivas, actividades para os máis pequenos, etc. Fomentaremos o turismo con máis e mellores instalacións nas praias, boa planificación urbanística en Barrañán, Valcobo e O Rañal, co fomento do patrimonio e da súa sinalización, con melloras en parques como Monticaño, nos eventos deportivos, nas romaxes, nas zonas verdes, etc. Remataremos o Paseo Fluvial ata O Rañal, creando un sistema de aluguer de bicicletas nel, e planificaremos unha infraestrutura para o desenvolvemento de deportes acuáticos e de area na praia de Alba en Sabón.

10. Oficina de Afectados pola industria e as infraestruturas e Control medioambiental. Ante a industria e as infraestruturas cómpre garantir a calidade de vida dos nosos veciños e conseguir o difícil equilibrio entre industria e benestar. Avanzaremos creando unha Oficina de afectados pola industria e a infraestrutura, onde se asesore, axude e actúe para garantir unha vida saudable da nosa veciñanza. Poñeremos a traballar ao departamento de Medio Ambiente para controlar os verquidos, a actividade industrial, e garantir a calidade da nosa auga, o noso solo e o noso aire.

11. Dotar de servizos aos barrios e parroquias, cobertura de parques infantís e ludoteca. Os barrios periféricos do núcleo de Arteixo, das parroquias da zona norte e parroquias enteiras da zona sur, carecen dos servizos públicos axeitados: prazas, xardíns, parques, etc. Dende o goberno poñeremos en marcha un plan para investir naqueles lugares menos desenvoltos, cubriremos varios parques infantís e biosaludables e poñeremos en marcha a Ludoteca Municipal como servizo de respiro para os pais e nais.

12.- Descentralización de servizos. Coa intención de avanzar no desenvolvemento das parroquias que non son o núcleo de Arteixo e facelos partícipes da administración local comezaremos a levar servizos cara elas, como unha oficina de rexistro municipal para a zona norte, unha nova comisaría de policía, a instalación deportiva para fútbol, rugby e atletismo ou o proxecto dunha segunda piscina municipal.

13.- Apoio aos creadores, celebración das festas, Casa da música e festival na Canteira de Barrañán. Os socialistas comprometémonos a poñer en marcha un Festival de Música na canteira de Barrañán para ir convertíndoo pouco a pouco en referencia nacional. Tamén cremos que o Concello debe apoiar e impulsar aos creadores con certames, concursos, ciclos, becas e prácticas no exterior. Ademais, o concello debe asumir a organización das festas municipais e construír a Casa da Música con locais de ensaio e gravación.

14.- Aprobación dun Plan Xeral para todos e con participación social. Se contamos coa maioría necesaria, os socialistas de Arteixo comprometémonos a desenvolver un Plan Xeral para todos, sen mans negras e participado polos representantes políticos, sociais e pola cidadanía en xeral.

15.-Creación do Servizo de Transporte Interparroquial e Lavandería. O noso compromiso é facilitar a mobilidade dende as parroquias cara os núcleos urbanos, onde os veciños poidan facela compra, ir a farmacia, ao centro de saúde, ao banco, a perruquería ou a calquera tipo de xestión administrativa, polo que implantaremos un servizo para que os veciños se poidan mover tódalas semanas dende as parroquias cara os núcleos urbanos. Tamén aumentaremos o servizo de comida a domicilio con lavandería para maiores que se atopen solos.


No hay tags aún.
bottom of page